Blog

En xaneiro de 1982, Alberto Vilanova tornou definitivamente para Galicia, logo de case seis lustros na emigración arxentina. Aló, nesa longa etapa da súa vida, foi catedrático de Historia na Universidade. Hoxe, aos seus 74 anos, colabora na Gran Enciclopedia Gallega, e está a preparar dous libros  que engadir a “Los gallegos en la Argentina”,  dous tomos, e unha biografía de Curros Enríquez, que son as súas obras publicadas ata o de agora. Na conversa que sosteu con este periódico na súa casa de Ourense, Alberto Vilanova analiza, dende a súa perspectiva de historiador, o labor desenvolvido polos emigrantes galegos na Arxentina, e da súa visión da realidade galega actual e dalgúns acontecementos claves ocorridos no pasado ano 1984. lembrar que, o 8 de outubro de 1967, Vilanova recibiu unha grande homenaxe na Arxentina, á que asistiron, entre outros, Giménez de Asúa, Sánchez Albornoz, o filósofo exiliado italiano Rodolfo Mondolfo, representantes do Goberno Vasco e “Generalitat” no exilio, e as principais figuras da colectividade galega no país arxentino.


Por que marchou vostede para a Arxentina, no 1954?
Porque a miña estadía na España non era grata con Franco. Mantíñase aínda a persecución sobre min, estaba marcado polo réxime, e facíame a vida imposible.
¿E non tentara irse antes?
Si, pero en anos anteriores non me deran o visado para saír. Había unha condición indispensable para isto: ter o certificado de adhesión ao Movemento. E eu, non o tiña.

¿Como vivía dende o fin da guerra ata a súa marcha á emigración?
Dando clases particulares, en colexios privados. En Ourense, e dous anos en Chantada. Pero era unha vida difícil, con problemas familiares, e a situación facíase cada vez máis insostible para min.

En vista dos problemas que había, ¿como lle xurdiu a ocasión de se ir?
Foi co gallo de ir dar unhas conferencias ao Centro Ourensán de Bos Aires, as cales dei, coincidindo con Fernández del Riego, que ía participar nuns actos no Centro Galego. Era a época de Perón. E, tras grandes dificultades, conseguín a radicación naquel país.
Alberto Vilanova chegou sen traballo e, ata a chamada “revolución libertadora”, no 55, non conseguiu normalizar a súa situación. Ao final comezou a traballar en editoras, e posteriormente, no 56 entrou como profesor na Universidade Nacional arxentina. No 57, por concurso-oposición, ganou unha cátedra na Universidade Nacional do Sur (Bahía Blanca), onde estivo impartindo clases de historia ata a súa xubilación.

¿Como empezou a súa actividade intelectual na Arxentina?
Pódese dicir que comezou en “Aguea”, siglas que corresponden á Asociación Galega de Escritores, Artistas e Universitarios, e na que estaba tamén, entre outros, Blanco Amor, Luís Seoane, Xavier Bóveda, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Núñez Búa, Valenzuela, Otero Espasandín, Ramón Martínez López, Sánchez Guisande, Díaz Trigo e Antón Baltar.

¿Que fixo esa asociación?
O seu labor deuse a coñecer a través da audición “Galicia Emigrante”. Organizou exposicións, conferencias, e outros actos culturais. Mesmo promoveu un cursiño de lingua, literatura, xeografía e historia de Galicia, que foi o primeiro ensaio dese tipo que se fixo na emigración, e case diría no mundo. As clases eran impartidas por Dieste, que se ocupaba da lingua; Blanco Amor, da literatura; Valenzuela, da xeografía, e eu, da historia. Tivo pouca asistencia. Pódese dicir que, en xeral, “Aguea” sufriu da incomprensión por certos sectores que consideraban a asociación como demasiado elitista e non comprendían  debidamente cal era o noso traballo e fins.
Vilanova lembra a fecunda actividade intelectual, artística e cultural desenvolvida na emigración polos galegos: “Cando en Galicia estaba prohibido falar en galego, na Arxentina publicábase libros en galego e xurdían figuras importantes como os poetas Avelino Díaz, Emilio Pita, Rey Baltar. Foi na Arxentina onde Castelao publicou a súa obra fundamental, “Sempre en Galiza”. E alí fixéronse traducións ao galego de autores franceses e ingleses, por Lois Tobío, Delgado Gurriarán, Plácido Castro, e outros”.
“Na Arxentina –engade- desenvolvéronse editoras como Dorna, Citania, Follas Novas, entre outras. Obras fundamentais como “Memorias dun neno labrego”, hoxe tan difundidas aquí, viron aló a luz. Tamén alí acadou importantes cotas o teatro galego, con figuras como Varela Buxán, Tacholas, Maruxa Villanueva, a Boga... Blanco Amor fixo un intento de recuperación, quixo crear a Escola Dramática Galega, pero lamentablemente non puido sosterse e só representou unha obra do propio Blanco Amor e outra de Lugrís Freire. Había audicións galegas de radio. Periódicos editados por Centros Galegos, como “Lugo”, “Opinión Gallega”, ou “A Nosa Terra”, onde se falaba dos nosos temas. Foi moito o fecundo labor desenvolvido. Eu ocúpome del nos dous tomos que publiquei baixo o título de “Los gallegos en la Argentina”.
Recoñece Alberto Vilanova que a el lle foi entregada a obra que ficaba de Avelino Díaz, tras a morte do poeta, pero sostén que nada puido facer con ela: “Do que me deixaron –explica- o 90% era escrito en español. E o outro 10%, galego, pero desta última parte o mellor xa estaba publicado en escolmas como “Pallaregas”, revistas, etc, polo que pouco puiden facer”.

Hai unha pregunta que nos facemos moitos: ¿por que, precisamente, esta actividade na Arxentina? ¿A que se debe a preferencia por este país das figuras que vostede nomeou, e doutras?
Quizais pola tradición de emigrar alí da nosa xente. E no grande labor que se fixo influíu tamén, non hai que esquecelo, a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha personalidade extraordinaria, posiblemente a maior de Galicia naquel momento no mundo enteiro. A chegada de Castelao a Bos Aires cambiou totalmente a face da colectividade galega. A el débeselle  moito labor, tanto artístico como literario. Estableceu o “Día dos Mártires Galegos”, tomando a data da morte de Bóveda; organizou o “Día do Estatuto Galego”, co gallo da data do plebiscito do 36; tamén o “Día Intersocietario Galego”, con todas as agrupacións galegas de Bos Aires. Fundou o Consello de Galicia e representou á nosa terra no Goberno da República no exilio. A súa presenza foi firme e decisiva naqueles actos que podían redundar en beneficio e gloria de Galicia. Sei que de Castelao está case todo dito, pero non está de máis lembrar estes datos, cando aínda está preto o lamentable retorno dos seus restos.

Diso falaremos logo. Pero, dígame: ¿como resultaba a vida na Arxentina aos emigrantes, e aos intelectuais galegos?
En xeral, non era difícil. Había moitas posibilidades de traballo. E beneficiaba o altísimo concepto que se tiña dos galegos, polo seu espírito de traballo, e por ese poderoso temperamento para adaptarse aos medios sociais que non son os seus.
¿Por que non tornan a maioría dos emigrantes que permanecen aló? Hainos que levan moitos anos sen sequera decidirse a dar unha volta polo país?
Porque se radican definitivamente aló. Montan o seu negocio, casan, teñen fillos... é moi distinta a emigración na Arxentina á doutros países, como por exemplo Venezuela ou Europa, sobre todo Europa, onde os emigrantes ganaron máis cartos, consideráronse ricos, e tornaron. De todos os xeitos, Galicia débelle máis a esa emigración americana, digamos que “pobre” no senso material, xa que promoveu a creación de escolas, de bibliotecas, de centros culturais, o arranxo  de camiños e lavadoiros, ata o noso himno. Foi unha emigración de grandes filántropos. Pola contra, á emigración a Europa non lle debe absolutamente nada, xa que non se preocupou de Galicia máis que para vir lucir unha posición económica boa, lograda moitas veces de xeito pouco decoroso, pero  non facilitou ningún progreso social para o país. Galicia, coa emigración de América, ten unha débeda pendente, tanto no senso cultural como no material.

O REGRESO

¿Como foi o seu regreso?
Bastante duro, porque viña moi enfermo, e aínda hoxe non me rehabilitei de todo. Os últimos anos foron terribles para min, non saia do sanatorio. Pregúntasme por qué retornei. Pois polos familiares, polos amigos, que cando viron a miña situación escribiron aos meus fillos para que me fosen buscar. Só salvei a biblioteca que o ano 84 mercou a Deputación de Ourense, o resto ficou alí.
Dende o ano 54, vostede veu a Galicia en tres ocasións, antes do retorno definitivo, que foi a cuarta. ¿Como ve a Galicia de hoxe?
Con moitísima prosperidade material, debida a esa lei natural que incita a todos os pobos ao progreso, á marxe de réximes políticos. Pero, na orde espiritual, encontreina terriblemente desconsoladora.

¿Por que?
Houbo unha inversión. O progreso material e espiritual non foron parellos. Desbordou o material, pra rebaixar o espiritual.
No 1984 producíronse dous feitos históricos para a Galicia, relacionados coa Arxentina. Un deles, o retorno dos restos de Castelao. ¿Como o valora vostede?
Se hei de dicir a verdade, como un erro. Non se daban as condicións políticas e históricas necesarias para o traslado. Ademais, nos que propiciaron o retorno notábase un descoñecemento profundo do ideario e sentimentos de Castelao, como penso demostrar nun libro que estou a preparar e no que, contra todo o que quixeron os panexiristas no senso de que Castelao non dispuxera nada respecto ao lugar do seu definitivo enterramento, eu demostrarei, documentalmente, que si tiña ilusión de ser enterrado en Pontevedra, con dúas cartas escritas por el, que considero son definitivas sobre o tema.
Outro feito foi a visita do presidente Alfonsín a Galicia.
Alfonsín é o quinto presidente arxentino de orixe galega. E a súa visita tamén me parece que non foi aproveitada debidamente. Porque o afán de notoriedade, de vaidade, e mesmo de covardía que revelaron algunhas autoridades galegas, foi triste, xa que quixeron facer do presidente arxentino un motivo exclusivo para a súa figuración e vaidade. A visita de Alfonsín debía ser popular, entusiástica e masiva, e quedou reducida a unha xeira de actos intranscendentes.

En concreto, ¿que opina vostede que se debía ter feito?
En primeiro lugar, aproveitar para facer unha divulgación racional, viva e profunda da obra exemplar e meritoria dos galegos naquel país. A presenza de Alfonsín puido ser aproveitada para explicar e espallar o labor de Galicia a través dos seus emigrantes, e das súas personalidades históricas, que tanto contribuíron a forxar a independencia e nacionalidade arxentinas. Alfonsín debía ter ido, por exemplo, a Monforte, para honrar ao pai de Ribadavia, o primeiro presidente da república arxentina, que nacera alí. Ou visitar tamén a igrexa de Santo Domingo, en Ourense, onde estivo sepultada durante ben anos a nai do libertador San Martín, que dito sexa de paso non é verdade que San Martín fose de orixe galega. En fin, penso que foi unha ocasión desperdiciada.

Pasando ao momento presente, ¿en que está a traballar Alberto Vilanova?
Teño o compromiso moral con Díaz Pardo de escribir un libro que leve por título “Estampas de la Guerra Civil”, no que estou a traballar con ilusión, e que depende do meu estado físico o seu remate. Tamén quero escribir un libro documentado sobre a posición de intelectuais estranxeiros de relevo universal encol da mesma guerra.

Non esquece Alberto Vilanova que neste 1985, aparte do centenario de Rosalía, cúmprense dezaseis séculos dende a decapitación de Prisciliano: “A Galicia de hoxe –resposta, ante outra pregunta- véxoa en xeral ben, no que se refire ao labor cultural e intelectual. Hai personalidades cunha conduta recta e insubornable, e nada hai que dicir nese aspecto. Fican, e iso para min ten moito valor, galegos que non practican o galeguismo de rendas. Eu lémbrome sempre dunha frase de Vázquez de Mella, cando dicía que había dúas clases de católicos: os que defendían a relixión porque lle pagaban, e os que a defendían de balde. E eu penso que o interesante é vivir e traballar para Galicia. E non vivir e prosperar a conta de Galicia”.

Cuaderno de cultura, por GÓMEZ XOEL, (La Voz de Galicia, 10-01-1985)

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica