Blog

 CRÓNICA PRESENTACIÓN WEB E MESA REDONDA SOBRE A FIGURA DE ALBERTO VILANOVA

Imprimir 28-Abril-2011 - 10:26:45 

O martes 26 de abril foi un día especial. De mestres a alumnos e de alumnos a mestres, compartiuse e soou o nome ben forte de Alberto Vilanova, o estudoso, o represaliado, o erudito, o home da Xeración de Posío, o profesor calado, o home poliédrico que foi e aínda é. Monxardín, sabio presentador e moderador, soubo tecer as diferentes intervencións para unilas en torno a figura de Vilanova. Jesús de Juana, tamén historiador como o homenaxeado,  falou da necesidade de estudar a súa bio-bibliografía e mostrou o compromiso do seu Departamento e Facultade para este estudo. Carlos Núñez levounos coas palabras e a súa interpretación á súa infancia, e polos seus ollos vimos ao mestre admirado, sabio e calado dos Estudos Galicia. Xesús Alonso Montero, cun percorrido pola súa vida e a vida de Alberto Vilanova, amosou os seus encontros cun sabio admirado dende a infancia e dende a madurez do catedrático. O seu compromiso foi coa edición ou reedición das obras de Vilanova, para evitar o descoñecemento.
 
Foron moitas as persoas que alí nos congregamos para escoitar aos mestres falar do Mestre, harmonicamente acompasados con himnos, antigos e republicanos, e coa cálida e engaiolante voz e acordeón de Sabela Dacal, que nos deu de regalía, como a chuvia de primavera, unha interpretación maxistral de Negra Sombra, obra favorita de Don Alberto.
 
Esperamos con ansia que actos dos nosos ourensáns ilustres se repitan e nos ensinen a respectar o noso pasado para pisar forte no presente.


fotos ana nieto

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica