Blog

 PALABRAS DE GRATITUDE PARA ALBERTO VILANOVA, por Alonso Montero (2016)

Vello mestre e amigo:

Coñecinte en Bos Aires no verán de 1969, e alí souben da túa dignidade cívica e do teu republicanismo. Estabamos ti e mais eu con Luís Seoane, o gran Luís Seoane, exemplar coma ti, na fidelidade republicana e home digno como moi poucos. Pero eu, benquerido Alberto, tiña noticias de ti dende a miña infancia. Vivía na Groba, a medio quilómetro das Chavolas, onde casaras había pouco. Eu oía admirado aos labradores un pouco lidos: “Don Alberto está escribindo un libro sobre Curros Enríquez”. Eu amaba, á miña maneira, a Curros, porque era o poeta da “Cántiga”, “Unha noite na eira do trigo”, e, sobre todo, porque dixo aquilo posto na boca de Deus: “Se é este o mundo que eu fixen


/ que o demo me leve”. Eran os dous versos que repetían, na parroquia, os zapateiros que non ían á misa e os barbeiros volterianos que antes do 36 lían periódicos avanzados. Se cadra nese tempo, aos catorce anos, metéuseme o verme de Curros Enríquez no corpo, tanto que o meu primeiro artigo de tema filolóxico, de 1951, versou sobre a riqueza idiomática do gran poeta de Celanova. Anos despois lin a miña tese de doutoramento na Universidade de Salamanca, que está en débeda co teu gran libro, de 1951, sobre o noso amado poeta. De Curros Enríquez falamos en Bos Aires e fixémonos unha fotografía na compaña do seu busto existente na Federación de Sociedades Galegas. En Bos Aires, no Centro Ourensán, presentáchesme como conferenciante e fixéchelo con palabras tan agasalleiras que

me gustaría merecer. Lévoas no corazón. Pero a miña gratitude vai máis alá, moito máis alá. Teño entre os libros preferidos a túa obra en dous grosos volumes sobre a emigración galega na Arxentina, tributo da túa man de historiador á epopea de sufrimentos e creación da nosa xente, sobre todo a humilde, nas terras arxentinas. Somos moitos, lembrando Alberto Vilanova, os que admiramos a túa obra, un monumento de erudición e de amor. Dende hai moito tempo coñezo ou trato a persoas que foron alumnos teus en Estudios Galicia, aquel centro que dirixía outro profesor represaliado,

o gran Albino Núñez Domínguez. Todos che están agradecidos. Dentro duns días volverei a Bos Aires, será a quinta vez. Non regresarei sen facerme unha foto co busto de Curros Enríquez. Nela estarás ti, de novo, co teu saber, coa túa lealdade á República, coa túa inmensa erudición histórica, coas virtudes que te acompañaron nos cárceres franquistas e con moitas outras lembranzas.

 

Graciñas por todo, Alberto!

Saúde e República

Xesús Alonso Montero

Vigo, 14 de abril de 2016

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica