Blog

 OS ESCRITORES DO SÉCULO, ALBERTO VILANOVA RODRÍGUEZ, Por Marcos Valcárcel (2000)

En 1931, proclamada a Segunda República, Alberto Vilanova era un mozo de 21 anos, cunha gran formación cultural e entusiasmo republicano máis que demostrado. Era secretario en Ourense de Acción Republicana, o partido de Azaña, que nesta cidade tiña entón escasa implantación e que lograra colocar como deputado propio nas Constituíntes e Manuel Martínez Risco Macías, catedrático de Óptica e Acústica na Universidade de Madrid. Vilanova amosa unha gran inquedanza intelectual e asina no “Heraldo de Galicia” as “Efemérides de Galicia”, ademais de entregas de propaganda republicana na  sección “Vetanal Político”.

Apostaba entón Vilanova por un republicanismo federal na liña de Joaquín Pi y Arsuaga e aproveitaba as súas columnas para enfrontarse

ós teócratas, militaristas, aristócratas e falsos republicanos.

Tamén asinada en “La Zarpa” e daba conferencias con Salvador Brugués, presidente de AR en Ourense, sobre o fascismo ou a República de 1873 en paralelo cos tempos que eles vivían. En 1934 figuraba como membro da dirección de Izquierda Republicana, que agrupou ós republicanos de esquerda ourensáns. Trala Guerra Civil a presenza de Vilanova será constante na prensa ourensá e da emigración americana. Colabora en “Posío. Artes y Letras” (1951-1954), “Boletín de la Comisión del Museo Arqueológico de Orense”, etc.

O Círculo Posío rendeulle unha homanxe a finais de outubro de 1951, recollida en “El Pueblo Gallego” e ofrecida por Xesús Ferro Couselo, Luís Fábrega Santamarina e Constantino Añel. En América encontramos a súa firma en publicacións tan senlleiras como “Galicia Emigrante”, a revista de Luís Seoane en Bos Aires, ou na mexicana “Vieiros”; nesta última ensaios tan relevantes como “Unamuno en Galiza” (1968), que recolle as visitas do intelectual español polo noso país en 1900, 1903 e 1912, ou “No centenario da “Historia de Galicia” de Murguía” (1965). Artigos seus apareceron en xornais e revistas americanas como “Aquí... Galicia” (Rosario, Arxentina), “El Diario Español” de Montevideo (Urugay), etc. Volto a Ourense, nos seus últimos anos preparou innumerables colaboracións, a maioría sen asinar, para os diferentes tomos da “Gran Enciclopedia Gallega”.

DEIXOU DITO

“Galicia débelle máis a ea emigración americana, digamos que “pobre” no senso material, xa que promoveu a criación de escolas, bibliotecas, de centros de culturais, o arranxo de camiños e lavadeiros, ata o noso himno. Foi unha emigración de grandes filántropos. Pola contra, á emigración a Europa non se lle debe absolutamente nada, xa que non se preocupou por Galicia máis que para vir lucir unha posición económica boa lograda moitas veces de xeitos pouco decorosos, pero non facilitou ningún progreso social para o noso país. Galicia, coa emigración de América, ten unha débeda pendente, tanto no senso cultural como no material.

(...) A Galicia de hoxe véxoa en xeral ben, no que se refire ao labor cultural e intelectual. Hai personalidades cunha conduta recta e insobornable, e nada hai que dicer nese aspecto. Fican, e eso para min ten moito valor, galegos que non practican o galeguismo rentado. Eu lémbrome sempre dunha frase de Vázquez de Mella, cando dicía que había dúas clases de católicos: os que defendían a relixión porque lles pagaban, e os que a defendían gratis. E eu penso que o interesante é vivir e traballar para Galicia. E non vivir e prosperar a conta de Galicia”.
(Declaracións de Alberto Vilanova a Xoel Gómez, publicadas en “La Voz de Galicia” 10 de xaneiro de 1985).

A CIDADE

Unha vida e unha biblioteca
Nunha ocasión contaba Borges un dos seus soños máis anguriosos, que non era outro que aquel  en que soñou un inmenso incendio na Biblioteca de Alexandría con todos os seus valiosos volumes a arder queimados polas chamas. Quizais Alberto Vilanova tivo algún día un soño semellante, pois non en van toda a súa vida foi un esforzo xeneroso en pro do coñecemento e do amor ó libro. E non foi a súa obra menor reunir unha excelente Biblioteca de máis de 7000 volumes que hoxe se custodia, desde o ano 1984, na Biblioteca da Deputación de Ourense, ó carón das de Blanco Amor, “Ben-Cho-Sey” e Benito Fernández Alonso. Con fondos riquísimos sobre Historia, Literatura, América e a Emigración ou a Guerra Civil, non só os libros encheron as horas do escritor e erudito. Tamén coleccionou milleiros e milleiros de recortes de xornais de todo o mundo, hoxe catalogados en carpetas na mesma institución; segundo nos informa Ánxeles Fernández, só a catalogación das entradas e referencias destas carpetas (Temas ou Personaxes de que tratan) supera as tres mil fichas, cada unha delas con múltiples artigos sobre o tema escollido. Un valiosísimo tesouro documental e hemerográfico que quedará sempre asociado á memoria deste escritor republicano que ós seus 74 anos queimaba as súas últimas horas elaborando valiosas e documentadas entregas para a “Gran Enciclopedia Gallega”.

O HOME

Modelo de erudito
Alberto Vilanova Rodríguez nace en Ourense o 5 de xullo de 1910. Ensaísta e profesor de Historia, cursou o bacharelato e Maxisterio en Ourense, facendo logo as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Madrid e Valladolid. Desde moi novo militou nas Juventudes Republicanas e no republicanismo de esquerda. En 1936 obtivo o Premio Nacional de Historia polo seu estudo “El Padre Mariana y la historiografía de su época” e o de socioloxía polo seu ensaio “Joaquín Costa o el gran dolor nacional”. O inicio da guerra civil inpediulle utilizar unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios para traballar co profesor da Universidade suíza de Friburgo, conde Gonzague de Reynold. Finalizada a guerra civil, sobrevive como profesor en colexios privados de Chantada e Ourense (Academia Bóveda), ó tempo que colabora na revista “Posío”.

En 1951, cando se cumpre o primeiro centenario do nacemento de Curros Enríquez, o Centro Galego de Buenos Aires organiza un concurso sobre o autor de Celanova, que gaña Alberto Vilanova co estudo “Vida y obra de Manuel Curros Enríquez”, publicado en Bos Aires en 1953. Invitado polo Centro Orensano a dar unhas conferencias, viaxa a América en 1954 e abre así a súa etapa americana ata o seu regreso en 1982. Na capitala arxentina comeza a traballar en editoras e moi cedo consegue praza de Lengua y Literatura Galaico-Portuguesa na Universidad Nacional de La Plata. Entre 1956 e 1959 desempeña a cátedra de Cultura Galega no Centro Lucense de Bos Aires e logo diversas cátedras de Historia Medieval e Moderna na Universidad Nacional del Nordeste, no Instituto de Investigaciones Históricas e na Universidad Nacional del Sur de Bahía Blanca. Publica en 1966 “Los gallegos en la Argentina” e é homenaxeado en 1967 en Bos Aires.

Volve a Ourense en 1982 e aquí morre o 13 de maio de 1985.



O MUNDO LITERARIO

Os galegos en América
Na Arxentina, Vilanova estivo implicado de cheo na actividade intelectual, formando na Asociación de Escritores, Artistas y Universitario (AGUEA), ó carón de Blanco Amor, Núñez Búa, Emilio Pita, Suárez Picallo, etc., e presidindo a comisión de cultura do Consello de Galicia. Foi o responsable tamén das clases de historia na audición “Galicia Emigrante” impulsada por Luís Seoane. Foron moi loubados os seus dous grandes libros publicados por Edicións Galicia de Bos Aires: a biografía de Curros (1953), recorrido minucioso pola súa vida, con capítulos sobre as ideas políticas e relixiosas do poeta de Celanova e os seus escritos como crítico literario, e “Los gallegos en la Argentina (1966), dous grosos volumes, cun prólogo de Sánchez Albornoz, que recorren con exahustividade a presenza galega en América. Son perto de 1500 páxinas, que van desde os decubridores e conquistadores do século XVI ata autores como Basilio Álvarez, Xavier Bóveda ou Castelao, sen esquecerse do ourensán Ramón Santamarina Valcárcel (1827-1904) “el esforzado civilizador de Tandil”.

Outros estudos notables son “La galleguidad del Padre Feijóo” (1965), “El camino de Santiago” (1969), “Giner, la institución y los gallegos” (1965), ademais de diversas conferencias sobre Luis Porteiro Garea, fundador das Irmandades da Fala; o fundador dos coros galegos, Perfecto Feijóo; a obra de Curros Enríquez... Deixou entre os seus inéditos un libro de “Efemérides Galegas” e abundante documentación para un volume encargado por Díaz Pardo sobre “Estampas de la guerra civil”, que non chegou a realizar.

El mesmo contáballe ó xornalista Segundo Alvarado: “Fui el único escritor gallego que me negué a colaborar en la prensa durante el dominio franquista por carecer de libertad de prensa. Más que cuidar mi nivel intelectual, he cuidado mis condiciones morales, mi conducta. Yo era el silencioso que únicamente escribía para la prensa americana” (marzo de 1982). Sobre a vida e a obra de Alberto Vilanova escribiron entre outros Eduardo Blanco Amor, Luís Seoane, Neira Vilas, Xoel Gómez, Alvarado e Armando Fernández Mazas.

VALCÁRCEL, M.: “Os escritores do século, Alberto Vilanova Rodríguez”, La Región, 25 de xuño de 2000.
Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica