Blog

 OS GALEGOS NA ARXENTINA, por FERNÁNDEZ DEL RIEGO, FRANCISCO (2002)

Un vello amigo ourensán mandounos desde Buenos Aires unha obra súa en dous tomos que viña de tirar do prelo. Eran os anos da posguerra civil, que o empurraran ó exilio. O autor chamábase Alberto Vilanova Rodríguez. O título da obra, Los gallegos en la Argentina. Botámoslle unha nova ollada hoxe ás páxinas tan esquecidas do escritor. Rememoramos así días xa lonxanos nos que seguiamos o esforzado labor que andaba a realizar este en terras de alén-mar.

De entrada, o primeiro que nos sorprendeu nos volumes devanditos, foi o traballo de erudición, de cacheo en arquivos e bibliotecas, de información persoal. O historiador Claudio Sánchez Albornoz, que escribiu o axeitado prólogo, puntualizou o feito. Vilanova conta como os


fillos de Galicia chegaron ó país ultramariño desde as horas iniciais da conquista. Pasaron por el ou quedaron nel para sempre. Deixaron sinalados a pegada do seu pé, o produto da súa intelixencia, os trazos do seu traballo. Moitos detalles curiosos, verbo diso, chaman a atención do lector.

Aparecen nestas páxinas guerreiros, fundadores de pobos, sacerdotes, profesionais, xornalistas. Van en camiño de igualdade cos traballadores do campo e da cidade. Convértense en creadores dunha das forzas nutrices do pobo arxentino. “América –di o prologuista- viunos chegar ledos. Fecundárona, mesmo despois de que os criollos se independizaron”. Durante séculos, na época da colonia, na da revolución, na da independencia, protagonizaron salientable papel.

Os galegos incorporáronse de cheo á vida do país no que asentaron. “Compría facer a historia da colonización galaica en América”. Tentárase varias veces, ou escribíase en forma fragmentaria. Esta obra de Alberto Vilanova parece conter o fundamental de tal historia honrosa. Unha historia da que saíron milleiros de noticias gratas para outros tantos fogares arraizados no territorio: desde Jujuy a Tierra de Fuego.

O primeiro galego do que se ocupa o escritor, sen lle facer caso algún á cronoloxía, é don Manuel Castro López. Trátase dun precursor dos estudos galaico-arxentinos. Foi autor dunha serie de ensaios biográficos. Tamén de artigos polémicos. De todos eles xurdiu claramente o grande valor dado á colonia galega na Arxentina. A obra de Vilanova Rodríguez que glosamos continuou e ampliou a que encetou Castro López. Dalgún xeito serviu, asemade, para clarexar puntos esenciais da propia historia do país platense. Foron moitas as personalidades que nel tiñan vencellos de caste con Galicia.
Na obra, o segundo tomo está adicado todo el ós galegos que arribaron ó país do Plata durante a última metade do século dezanove. Foi o tempo no que chegaron, especialmente, homes e mulleres procedentes da terra fistérrica. Xentes que emigraron de aquí para atopar nos novos territorios paz e traballo.

O galego, segundo apunta o autor, era home de rexa vontade ó que nada arredaba dela. Escollía así a vida da evasión, e botábase principalmente cara a Arxentina. Ata o punto que houbo quenes chamaron Buenos Aires “a cidade galega máis grande do mundo”. Daquela residían na urbe bonaerense preto de cinco centos mil galegos.

A obra de Alberto Vilanova vén ser unha contribución de positivo interese. Trátase dunha obra ben documentada sobre o papel desempeñado polos galegos na Arxentina. As súas páxinas lense con proveito. Despois de as ler, sabe un moito máis sobre a verdadeira realidade de tal feito.


FERNÁNDEZ DEL RIEGO, FRANCISCO: “Os galegos na Arxentina”, La Voz de Galicia, A Coruña, 8 de xaneiro de 2002

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica