Blog

 O LABOR CALADO DE ALBERTO VILANOVA, por MARCOS VALCÁRCEL (2002)

Outro nome inevitable en Galicia emigrante é o ourensán Alberto Vilanova Rodríguez, que se incorpora ó proxecto no seu número 5 cun artigo sobre a Galicia Emigrada, que é tamén un pequeno ensaio sobre as causas e significado do feito emigratorio, para el, na súas palabras, un feito de orixe política, por canto os emigrantes buscaban en América “unha vida máis humán, civilizada e progresiva, da que na súa terra non disfroitaban”. Vilanova, que xa publicara a súa biografía de curros, asina múltiples biografías de autores galegos, moitos esquecidos (Fernández Alonso, Ojea Somoza, Modesto Fernández, etc.), moitas das cales serían recuperadas anos despois na Gran Enciclopedia Gallega. Nunha entrevista declaraba o humor como cerna do home galego e suxería posibles institucións culturais para recuperar a nosa identidade, desde museos e bibliotecas ata un pequeno Conservatorio galego para a nosa música e teatro. Na revista

Galicia Emigrante hai texto moi fermosos de Florentino Cuevillas, base citar “Muiñeira” (n. 10), escrito para esta publicación. As autoras Pura e Dora Vázquez son asiduas: Pura inicia as súas colaboracións, presentada como sucesora de Rosalía, xa no primeiro número, co relato “Aplícolle o conto”; Dora aparece desde o número 5, cun conto popular, “de esos cuentos que se narran por nuestro pueblo, en los lares y en las tabernas”, titulado “¡A miña conta! Conto ourensán que foi verdade”. Imprescindible na Galicia americana é a referencia ó escritor Eduardo Blanco Amor, que se fai presente desde o número 6 co traballo “Cultura y conducta”, un breve ensaio sobre a cultura como forma de ser e crítica á cultura dos novos ricos sen verdadeiras raíces culturais; logo aparecerían outros textos seus, algúns teatrais como “A medrosa Blandina” en versión radioescenficada (n. 13).

Outra presencia constante, foi Xosé Ramón e Fernández-Oxea, que tamén aquí asina como Ben-Cho-Sey, entusiasta militante galeguista, que publica artigos de etnografía e memoria histórica e tamén entrevistas con personaxes galegos ou arxentinos; nos primeiros números ocúpase do musicólogo Isidro B. Maiztegui e do gaiteiro Faustino Santalices, que lembra o labor e as técnicas dos vellos gaiteiros galegos.

José Núñez Búa abunda en referencias ourensáns: desde a actuación da Tuna de Coimbra no Paraninfo do Instituto ata as reseñas de Blanco Amor como autor teatral ou do libro de contos Andrómedas de Ben-Cho-Sey.

Tamén desde os inicios encontramos nomes ourensáns como o pintor Prego de Olivier, Xavier Bóveda, Sebastián Martínez Risco ou Leuter González Salgado.

VALCÁRCEL, M.:  O labor calado de Alberto Vilanova, en As uvas da solaina,  La Región, Ourense, 5 de maio de 2002.
Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica