Blog

 CENTENARIO DO NACECEMENTO DE DOUS GRANDES DA CULTURA GALEGA: ALBERTO VILANOVA E LUÍS SEOANE, por MANOEL CARRETE

Arxentina e máis concretamente a súa capital, Bos Aires, foi dende a súa fundación (1535) ou refundación (1580), e durante moitos séculos, terra de acollida da diáspora galega; por iso non é estraño que estes dous intelectuais galeguistas viviran parte da súa vida na que chamamos a quinta provincia galega. No L’Etoile Belge de 1912 aparece unha entrevista de Henri Posper Devos a Felipe Yáñez, na que aparece:


Dille Felipe Yáñez: “Entonces, señor por lo visto usted le manda a su periódico unas cartas sobre ciudades de Galicia. Pues por lo menos no debe olvidar la primera de todas”.


Prosper respóndelle: “¿Me quiere usted decir La Coruña o Santiago?”
Felipe Yáñez: “Yo le estoy hablando de Buenos Aires”.


A capital bonaerense será o berce de Luís Seoane, xa que nacerá alí o 1 de xuño de 1910, fillo de emigrantes galegos; e non será ata os 3 ou 4 anos cando o cativo coñeza a terra dos seus devanceiros. O día 5 de xullo do mesmo ano nacía na cidade das Burgas, Alberto Vilanova.

A relación con Bos Aires de Seoane é indubidable pero a de Vilanova comeza aló polo 1951, con motivo da celebración do Centenario do nacemento de Curros Enríquez e a convocatoria dun concurso por tal motivo no Centro Galego da capital arxentina. Será o 10 de abril de 1953 cando vexa a luz o libro Vida y obra de Manuel Curros Enríquez, galardoado tanto en España como en Cuba, da autoría de Alberto Vilanova imprentado polo Centro Galego que catro días despois presentará a obra: Manuel Curros Enríquez súa vida e súa obra da autoría de Carré Alvarellos; no ano seguinte trasládase a vivir a Bos Aires  e non será ata 1982 cando volva á terra que o viu nacer.


Tanto Seoane como Vilanova estudan dereito, o primeiro en Santiago e o outro en Madrid; aínda que Vilanova tamén estuda Filosofía e Letras en Valladolid. Con 19 anos, Seoane fai a súa primeira exposición en Amigos del Arte de Compostela e un ano despois, outra no Café Español. Respecto a Vilanova dicir que con 26 anos acada o Premio Nacional de Historia co seu estudo: El padre Mariana y la historiografía de su época. Seoane na súa etapa universitaria foi directivo na FUE e Vilanova foi directivo das Xuventudes Republicanas.


Galicia Emigrante: "Aspira a ser espejo en esta capital de la vida y la actividad de los emigrantes gallegos..."; con estas palabras comezaba o nº 1, publicado en xuño de 1954, ao cal seguiranlle outros 36 números ilustrados por Seoane e onde colabora habitualmente Vilanova, e outros grandes da cultura galega no exilio.


Seoane é cofundador: Fogar galego para Anciáns, da editorial EMECÉ, da editorial Nova, da AGUEA, do laboratorio de Formas, do Museo Carlos Maside, das Cerámicas Sargadelos, do Correo Literario...; e expuxo a súa obra en: Arxentina, Francia, Inglaterra, Alemaña, Suíza, EEUU...; ilustrou libros para as coleccións: Hórreo (1940-43), Buen Aire (1941-21), Camino de Santiago, Pomba, Mar Dulce (1943-46), El Labrador, Paloma, Botella al Mar, Ánxel Casal, Billiken, Idacio, Nós... En 1963 volve a Europa e traslada a súa residencia na Coruña onde a morte o sorprende o 5 de abril de 1979.
Vilanova ademais de ser colaborador na revista de Galicia Emigrante éo tamén da revista Lar, Posío... aparte de traballar para editoriais arxentinas. Foi profesor de Lingua e Literatura Galaico-portuguesa da Universidade Nacional da Prata, profesor de Historia Medieval e Moderna da facultade de Humanidades da Universidade Nacional do Nordeste, dirixiu o Instituto de Investigacións Históricas, ocupou a cátedra de Historia medieval e Historia de España na Universidade Nacional do Sur así como a cátedra de Cultura Galega no Centro Lucense (1956-59). Unha das obras máis relevantes sobre a diáspora galega a día de hoxe é a de Vilanova titulada Los gallegos en la Argentina, prologada polo gran historiador Claudio Sánchez Albornoz. Morre o día 13 de maio de 1985.


Dende estas liñas pedímoslle ao concello de Ourense que nomee fillo predilecto de Ourense a D. ALBERTO VILANOVA.

CARRETE, Manoel: Centenario do nacemento de dous grandes da cultura galega: Alberto Vilanova e Luís Seoane, Revista Xurdimento, Boletín informativo-cultural do Centro Galego de Lleida, nº 24. Lleida, febreiro de 2011

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica