Blog

 O CAMIÑO DE SANTIAGO (1969)

Sobre o Camiño de Santiago existe unha diversidade de publicacións, escritas como cando se trata dos grandes problemas históricos, ditadas unhas por hiperestésico apaixonamento, ditadas outras por unha ríxida obxectividade. Historiadores, eruditos, literatos e poetas terzaron tamén no problema, non exentos uns de imaxinación e outros de serena e lúcida análise. O tema como todos os enmarcados no milenio medieval, constitúen unha apetitosa ambición para quen queira abarcalo. E non é dos máis pequenos este impresionante tema do Camiño de Santiago.

Xorde este, como consecuencia do suposto descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago de Compostela. As escuras orixes do seu descubrimento así como a menos aceptable predicación do Apóstolo nestas terras, están enleados na lenda e na tradición máis apaixonadas. Todo o incorporal desta invención xacobea deu lugar porén a que se erixise sobre tanta trama histórica un dos máis portentosos mitos da vida occidental europea. Comentando a insistencia de Platón no sentido de que certas cuestións non poden tratarse se non é tecendo mitos en torno a elas, dinos Ferrater Mora que "A visión da Historia culmina así nunha mitoloxía da historia; o concepto cede ao paso da metáfora. Isto porén, non debe desacougarnos, pois o mito é perigoso soamente cando non temos conciencia da súa presenza, cando non advertimos que está destinado, tanto como a facernos comprender dalgún xeito a realidade, a consolarnos nela". ("Cuatro visiones de la Historia Universal", páx. 29-30; Bos Aires, 1955).

Tal é o caso de Santiago de Compostela. Pouco importa que os eruditos pugnen en polémicas ardorosas por defender os seus puntos de vista, xa afirmativos ou negativos como a que rifaron a principios do século o director da Escola Francesa de Roma, Mr. Duchesne e o historiador galego López Ferreiro en torno a "Santiago y la Crítica histórica", así como os diversos epígonos que perseveraron en idéntica controversia; a realidade é outra. A contrapelo de toda a bibliografía historiográfica o mito foi tecendo a súa superestrutura. A autenticidade do suceso preocúpanos bastante menos que a súa significación transcendente e a súa gravitación sobre a espiritualidade da época. Unha vez máis, como acontece nos designios ocultos da historia, a fe xustifica a lenda. Mestura deses dous fenómenos tan inaccesibles como son o milagre e o misterio, constitúe ese outro mundo xerminal no que se arrolou a lenda xacobea. Aínda hoxe non puido aclararse o porqué do éxito prodixioso da súa proxección e transcendencia. Aí están en pé as posicións inconmovibles de Américo Castro dende a súa "España en su Historia" e Claudio Sánchez-Albornoz dende a súa "España, un enigma histórico", como espadas levantadas tratando de dirimir esa gran conxuntura histórica.

VILANOVA, Alberto: "El Camino de Santiago", EDAD MEDIA, Alianza Francesa de Bahía Blanca, 1969.
Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica