Blog

 NO LUSTRO DO CORO "BRÉTEMAS E RAIOLAS" (1958)

A nosa Galiza coma pobo esenzalmente lírico, canta dende tempos afastados. O testemuño de hestoriadores antergos coma Strabon e Silio Itálico eisí o confirma. Cantou á beira dos bardos céltigos, cantou nas guerras púnicas loitando e atruxando as ordes de Aníbal, cantou nas cerimoniaes  de ouro e prata dos Cancioeiros, cantou sempre, porque Galiza canta o mesmo nos intres de ledicia que de door, e sobor de tudo cantou con verbas acesas de rebeldía e rexurdimento no tanguido varil das liras dos nosos poetas do renascemento decimonónico.
Primeiro os nosos groriosos orfeóns, que tantos loureiros conqueriron en certames ben rifados, e dimpois dende que Perfeito Feixóo creou os típicos coros, inzaron cun ronsel de canzóns belidas os ceos e as ialmas do pobo, e ao traverso da nosa música fíxose máis dunha

vegada o miragre de espertar na consencia dos galegos a benturanza do seu orixe. O que en moitas ocasións non foi capás de faguer o rigorismo doutriñal, nin a propaganda política, nin a invocación patriótica, nin a polémica aberta, nin o lóxico razoamento, fíxoo unha canzón. Galegos que non foron capaces de sentir nin corazón nin a mente o amor profundo á súa Terra, a quens non conmoveron as razóns nin os libros, foron gañados pola galeguidade con soio unha vegada que escoitaron aos coros. Tal é a forza eispresiva e convincente da nosa música popular.

Porque na nosa música aínda desgraciadamente folclórica, está o cerne dos máis rexos sentimentos galegos. O repiniqueo dunha muiñeira, o doorido alalá, o bulir dunha foliada, a dozura dunha melodía, os salaios da gaita, que sigue chorando dende que Rosalía revelou os seus laios, teñen un valor persuasivo, tan agarimoso e podente, que cando se atopa a un galego que ao ouvir ista música non sinte tremecer as febras do esprito, pódese certificar que no corazón dil, morreu pra sempre a capacidade do sentimento. O benquerido poeta Lugrís Freire conta unha anéidota, que ratifica canto afirmamos.

Desgraciadamente folclórica chamamos a nosa música, mais non o faguemos cun tono todalmente desdenoso, porque a música ten que adequerire universalidade pola súa xerarquía orquestal ou polifóñica, pra que irrumpa polo mundo levando  a sinal creadora da súa raza e do seu xeño, mais tamén é certo que a música outa non chega ao mesmo pulo emocioal ás xentes do pobo. Polo cal é necesario chegar á gran música, i encamiñare os nosos esforzos cara  ao ballet galego tan cobizado, mais sin arredalo dos zumes da esenza e concencia populares. Aínda a nosa música segue espallada polas fonduras dos vales, ou esquecida nas cumes das montanas, esparando un Wagner ou un Mussorgski, que recollendo os motivos humáns ou telúricos que en maravelosa conxunción permañecen inéditos, lles dea a eispresividade e grandeza necesaria pra universalizare os valores musicaes que forxa co seu sentimento e coa súa mestría o noso pobo. Pois coma dixo B. Sohezer o estudo do folclore, non é máis cunha etapa necesaria en que o artista unha vez que tomou contauto co seu pobo, pra saturarse da súa inspiración, debe voar coas súas propias azas.

Mentres iso non chega, e paresce que estamos condeados a que non chegue xamais temos que agarimare, protexere i empurrare a folclórica que temos hoxe. E ista laboura compete fundamentalmente aos Coros galegos, coma iste de "Brétemas e Raiolas", que dende terras tan alonxadas da nosa, nos tran a lembranza e a presenza cáseque física da Galiza amada e inesquecíbele, faguéndonos coa di o inmorrente poeta: "un Elisio do desterro".
Un vello refrán ingrés di que escoitando as canzóns dun pobo calquera, por ilas coñecemos coma son os costumes, a hestoria, a natureza, a economía e a vida dise pobo. Pois ben ao celebrare os cinco anos de laboura o moceril coro "Brétemas e Raiolas", temos que sentirnos satisfeitos da súa benemérita obra, e ledos e compeñetrados co seu xubilar aniversario. Porque iles tamén están contribuindo a descubrir e difundire os valores espirituaes da Terra nai, na forma máis fermosa e conmovedora, cal é achegando as nosas ialmas o rebulir vivo disa canzón na que Galiza puxo o millor do seu espritu e da súa emoción.

Moito hai que loitar por mantener  na súa prístina pureza a música galega. Neste acoso desgaleguizante que aboia a nosa Terra, invadida por tuda cras de exotismos, o manteñimento dos valores vernáculos é o primeiro deber, e resulta confortante o exempro que nos dan os compoñentes de "Brétemas e Raiolas", traballando encol da nosa música e das nosas danzas.
¡Adiante pois, sempre adiante! ¡Pol-a Terra e pol-o seu arte!

VILANOVA, Alberto (1958)
Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica