Blog

 O PENSAMENTO VIVO DE CASTELAO NO EXILIO (1985)

(texto seleccionados por Alberto VILANOVA)

"Eu non cultivei xamais a arte pola arte. A arte pra min non foi máis que un elemento, un recurso, un medio de expresión, que con il, a lápiz ou a pluma, soio quixen ser un intérprete fidel do meu povo, do seus doores e das súas espranzas. Dibuxei sempre en galego, escribín sempre en galego, e se sacades o que hai de galego e de humán na miña obra non ficaría ren de ela. É verdade que en galego ganei certo renome como artista sen procuralo; pero iso non quere decir que un sexa técnico da arte, ouque eu houbera producido algunha obra maxistral, extraordinaria, disas que van a parar aos panteóns da arte. Non, das miñas mans saíron moitas obras, moitísimas, pero


todas elas son de papel, pequenas, perecedeiras, insignificantes, dunha probeza franciscán, si queredes, pero teñen algo, teñen calor de vida e están cangadas de humanidade, e ise é o seu único mérito. Un mérito impagable que non é meu. O lápiz e a pluma foron as miñas únicas ferramentas, un anaco de papel bástame como material, e con tan pobres elementos eu poiden expresar a grandeza das miñas ideas en sentimentos meus, egoístas, ideas e sentimentos dun povo cangado de sofrir. Traballei toda a miña vida para convertir o sentimento galego en idea e agora sigo traballando para convertir a idea en feito histórico, e todo pudera ocurrir, todo menos unha cousa; que eu traicionase a razón da miña vida e a confianza que os meus irmáns depositan en min. (2 de xullo do 1944, palabras de agradecemento no homenaxe que se lle tributou ao presentar o seu libro "Sempre en Galiza").


Castelao e a actividade política

"Estos son os de que me decían: ¿Por que te meteches en política? A política é unha cochinada. E ti millor estarías na túa casa facendo arte. Son galegos e non conciben que Galiza poda salvarse cunha política honrada. Son galegos e non saben que Galiza necesita unha política seria para conquerir o desenrolo normal da súa economía. Son galegos e non se decatan da necesidade dunha política que garantice a vida da nosa cultura. Son galegos e non saben que temos un destiño histórico que conseguir na España e no mundo. Así son moitos galegos, serios e sesudos na apariencia, que dicen ben e saben impor respeto aos seus consocios de casino. Calquera día un destes galegos que non queren meterse en política pasa, de súpeto, a ser directivo dunha entidade que defende intreses, e védelo sentado nun banquete a carón de calquera político inmundo".


Castelao e Pontevedra

"Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño chegase a Pontevedra. Entón a miña alma cantaría gozosa este cantar: "Xa morrín, xa me enterrei e agora xa estou eiquí nin a terra me comía sen despedirme de ti". Todo , todo pode acabarse en min menos o amor que sinto por Pontevedra. Vivo ou morto, alá irei como se di qeu van os romeiros de San Andrés de Teixido, que "alá van de mortos se non van de vivos". Pero eu espero chegar vivo para curarme das inxurias do tempo e non en tanto vou coa imaxinación" (tomado do seu artigo "Meu Pontevedra", 1942).

"Escollín a Pontevedra para vivir e morrer... Non son pois, un pontevedrés de partida de nacemento, que as veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola miña identificación coa terra e as xentes de Pontevedra" (carta ao Presidente do Centro Pontevedrés de Buenos Aires de 31 de marzo de 1944 agradecendo o nomeamento de socio honorario).

"Yo vivía en aquella ciudad gallega, tan pequeña que dentro de su recinto cantaban los ruiseñores" (aos arxentinos e residentes galegos cando chega a Buenos Aires no 1940).


Galicia na guerra civil

"Galiza non está no mesmo caso que outras terras españolas, onde correu dabondo o sangue dos dous bandos e pode xurdir co tempo unha reconciliación. En Galiza somente correu sangue democrática e liberal. Por iso na nosa terra soio un miragre de bondade podería restablecer a paz dos espritos, pois aínda que pensaramos unicamente nunha xustiza estricta e irreprochable ante os códigos esta tería tales dimensións que soio un perverso arelaría un posto de xués o día do xuicio. Si todolos galegos creesemos en Deus poderíamslle encomendar a El o castigo dos crimes cometidos en Galiza; pero é que os sentimentos cristiáns están moi debilitados desque se invocou en España o nome de Deus pra matar" (de un artigo titulado "A nosa dor e a nosa fe", 25 de xullo de 1943).


Castelao a Oliveira Salazar

"Sabe vostede que na Galiza -¿aínda irmán de Portugal?- cometeronse moitos miles de asasinatos. Masacrouse o millor e o máis enxebre da nosa mocedade. Fuliráronse a centos de mulleres. Matáronse a rapaces cheos de vida en presencia dos seus pais. As estradas aparecían, e aínda aparecen, diariamente, oureladas de cadavres desfeitos que non poden identificarse. Sácanse da cadea os presos iñocentes pra seren asasiñados pola noite. As autoridades ordeaban fusilamentos sin previa formación de causa. En fin; abonda decir que era un honor ser xusgado e fusilado "oficialmente". Sabe vostede que falamos en tempo pasado pero aínda hoxe sigue a masacre dos cidadáns galegos. Polos xornaes da nosa terra –sometidos ao control militar- verá vostede a insaciábel criminalidade dos seus aliados e amigos. Sabe vostede que para reconstruir o noso fogar desfeito cicais non nos chegue máis que a reserva dos galegos que andan polo mundo. Pois ben; estes galegos vengarán aos nosos mártires e crearán unha nova Galiza que xon medirá sonetos en loubor a Portugal. ¿Cree vostede que os bos galegos –enloitados para sempre- poden vivir sen maldecir? Pois nos decimos que vostede causou o loito de moitas familias galegas por non abrir xenerosamente as portas de Portugal. E decímoslle máis: vostede será para os sobrevivintes de Galiza algo menos que un asasiño, será un cómplice de asasiños" (finas de 1937).


O día de Galiza

"O Día de Galiza en Buenos Aires non pode ser somente unha lembranza de solemnidade litúrxica que se celebra no interior da catedral de Santiago con dignidade mitrada, forasteira, sempre nemiga de Galiza. A festa diste día ten por altar a Terra Nai, por cobertura o fanal inmenso do ceo, por lámpada o sol ardente de xullo... A relixiosidade galega non pode poñerse ao servicio de verdugos de Galiza. Que se sepa ben esto" (25 de xullo de 1945).

Castelao e a República

"Ningún home de ben, irmáns –como Presidente do Consello de Galiza, ao cal pertence este párrafo-, ningún home de ben negará que os galeguistas sacrificámonos moitas veces o noso galeguismo en aras do republicanismo; pero ocurre que os republicáns específicos non erguen a súa voz pra o recoñecer. Esto quer decir que os republicáns específicos carecen de sentido político porque o día que o galeguismo na nosa colectividade desaparecese desaparecería o millor baluarte do republicanismo en América. Podo decir, ademais, que o día que o noso movemento galeguista e republicán se quebrante ese día sairán da oscuridade os falanxistas españoles, porque os republicáns a secas teñen menos coraxe pra defender a República que os galeguistas".


"Dimpois de toda a unión verdadeira de todos os povos peninsulares será froito dun longo e penoso traballo, apenas iniciado, ou tal vez dun sanguiñento aprendizaxe da liberdade e da tolerancia".


"Claro está que o centralismo encuberto en todo sistema unitario sempre será ruín, con coroa real ou con gorro frixio" (do artigo "O noso republicanismo", en "Galiza" de París, maio de 1947).


VILANOVA, A.: O PENSMENTO VIVO DE CASTELAO NO EXILIO, selección de textos de Castelao, Faro de Ourense, 22 de marzo de 1985

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova    ACV Galaica