Noticias
Blog
Blog
Presentamos aquí tres biografías tiradas da Gran Enciclopedia Gallega, de Marcos Valcárcel e dun estudo biográfico de Alfonso Mato. Todas elas aportan datos interesantes e valiosos da vida deste gran erudito ourensán, aínda que non todos eles definitorios.
ALBERTO VILANOVA RODRÍGUEZ, por Marcos Valcárcel
Alberto Vilanova Rodríguez nace en Ourense o 5 de xullo de 1910. Ensaísta e profesor de Historia, cursou o bacharelato e Maxisterio en Ourense e fixo despois as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras en Madrid e Valladolid. Dende moi novo militou no republicanismo de esquerda, dirixindo as Juventudes de Acción Republicana en Ourense e colaborando en xornais como La Zarpa e o Heraldo de Galicia, portavoz dos galeguistas. En 1936 obtivo o Premio Nacional de Historia polo seu estudo El Padre Mariana y la historiografía de su época e o de socioloxía polo seu ensaio Joaquín Costa o el gran dolor nacional. O inicio da Guerra Civil impediulle utilizar unha pensión da Junta de Ampliación de Estudios para traballar co profesor da Universidade suíza de Friburgo, conde Gonzague de Reynold. Nos días da Guerra Civil estivo preso no mosteiro de Oseira e, finalizada esta, sobreviviu como profesor en colexios privados de Chantada e Ourense (Estudios Galicia, de Albino Núñez), ao tempo que colabora na revista Posío. En 1951, cando se cumpre o primeiro centenario do nacemento de Curros Enríquez, o Centro Gallego de Bos Aires organiza un concurso sobre o autor de Celanova, que gaña Alberto Vilanova co estudo Vida y obra de Manuel Curros Enríquez, publicado en Bos Aires en 1953. Invitado polo Centro Orensano a dar unhas conferencias, viaxa a América en 1954 e abre así a súa etapa americana ata o seu regreso en 1982. Asinou así mesmo múltiples traballos eruditos e de investigación como "La galleguidad del Padre Feijóo" (1965), "Giner, la Institución y los gallegos" (1965) e achegas sobre a presenza de Unamuno en Galicia ou a Historia de Galicia de Murguía, entre centos e centos de artigos. Colaborou en múltiples medios da emigración como Galicia Emigrante, Vieiros, El Diario Español de Montevideo, Aquí Galicia (Rosario, Arxentina), etc. Na capital arxentina comeza a traballar nas editoras e axiña consegue praza de Lengua y Literatura Galaico-Portuguesa na Universidad de la Plata. Entre 1956 e 1959 desempeña a cátedra de Cultura Galega no Centro Lucense de Bos Aires e logo diversas cátedras de Historia Medieval e Moderna na Universidad Nacional del Nordeste, no Instituto de Investigaciones Históricas e na Universidad Nacional del Sur de Bahía Blanca. Publica en 1966 o seu monumental traballo Los gallegos en la Argentina e é homenaxeado en 1967 en Bos Aires. Foi o responsable tamén das clases de historia na audición "Galicia Emigrante" impulsada por Luís Seoane. Nos seus últimos anos fixo innumerables colaboracións, a maioría sen asinar para os diferentes tomos da Gran Enciclopedia Gallega, e deixa inéditos un libro de Efemérides Galegas e documentación para un volume de Estampas da Guerra Civil. Volve a Ourense en 1982 e aquí morre o 13 de maio de 1985. A súa biblioteca persoal, máis de sete mil volumes e centos de carpetiñas con recortes de prensa, consérvase hoxe na Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(da Homenaxe a Alberto Vilanova dentro do I Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo, Celanova, 14 de setembro do 2001).
ALBERTO VILANOVA RODRÍGUEZ, por Alfonso Mato
Naceu en 1910 en Ourense, fillo de Sergio Vilanova, presidente do Colexio de Practicantes. Foi alumno de Alexandre Bóveda, cando este daba clases de ensino primario na Academia Villar, en Ourense tamén estudou bacharelato e Maxisterio. Nos últimos anos da ditadura de Primo de Rivera debeu comezar as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Madrid e rematou en Valladolid, en 1932. Neste período iniciouse como escritor e político: aos 15 anos comezou a colaborar na prensa e aos 16 participou na fundación e dirección da Juventud Republicana de Ourense.
Alberto Vilanova foi membro destacado en Ourense, xunto co catedrático Manuel Martínez-Risco Macías, de Acción Republicana, un pequeno partido que fundara en 1925 Manuel Azaña e que, en abril de 1934 constituiríase no partido Izquierda Republicana. Traballou durante a II República como oficial interino na Sección provincial de Estatística de Ourense e exerceu como profesor nun colexio privado da capital ourensá. Ademais de adicarse á investigación. En 1936 realizou un estudo sobre a vida e a obra de Juan Antonio Saco y Arce, publicado no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense en 1937. Obtivo os Premios Nacionais de Historia e Socioloxía ese mesmo ano polos seus estudos, El Padre Mariana y la historiografía de su época e Joaquín Costa o el gran dolor nacional. Na primavera de 1936, Alberto Vilanova casa en Sanín, perto de Ourense, con Nieves Fernández. Co triunfo da sublevación militar de xullo de 1936 contra a República, Vilanova é detido en Ourense. De alí pasa a Oseira para volver de novo á capital e despois ao cuartel, para cumprir o servizo militar, sendo finalmente confinado en liberdade en Valladolid durante cinco anos. Queda libre en 1942.
"Eu non quixen ir ahí para non sentir noxo co entroido da semana galega, a pesares de recibir unha carta de Victoria Armesto en que me siñificaba o bon desexo de entrevistarse conmigo. Mais ó relembrar os días tráxicos da Guerra Civil na que o seu conferenciante consorte Felipe Fernández Armesto, vestido de falanxista e acompañado do Gobernador civil visitou o mosteiro de Ouseira onde estabamos presos máis de 700 roxos, negueime á entrevista e incruso cometín a descortesía de non respostarlle siquera. Para túa biografía de Basilio [Álvarez], douche iste dato: Felipe Fernández Armesto era direitor entón do diario "Arco", órgao da Falanxe que se imprentaba nas máquinas roubadas a Basilio e onde denantes, ¡tristeira ironía!, [se tiraba] o periódico "La Zarpa". E istes son os invitados de honor do noso "democrático e liberal" Centro Gallego. Un xa non sabe si sentir ante tanta vileza, carraxe noxo ou lástima".
(Carta enviada por Vilanova a Buenos Aires, a Núñez Búa, 30 de xullo de 1971, e onde comenta a invitación que lle fixera o Centro Galego ao matrimonio Mª Victoria Fernández España e Felipe Fernández Armesto para que pronunciara unhas conferencias na institución galega.)
Recuperada a liberdade en 1942, Vilanova volva de novo á súa cidade natal. No plano profesional sobrevive como profesor en colexios privados en Ourense e Chantada. Incluso intenta ler a súa tese doutoral –que versaba, segundo informa a revista noiesa Tapal, sobre Andrés de Prada, secretario de Estado dos monarcas Felipe II Felipe III-. Pero será na Arxentina, anos máis tarde, cando conseguirá ler a tese con outro tema na Universidade de Buenos Aires.
En Ourense, participará da vida cultural da posguerra. Frecuenta unha das tertulias dos primeiros anos corenta do Café Roma, frecuentada por simpatizantes da República. Tamén comezará nestes anos a publicar reseñas de libros, artigos varios e traballos de erudición histórica e literaria nalgunhas revistas galegas do momento. A partir de 1946, no Boletín do Museo Arqueológico Provincial de Ourense, dirixido polo seu amigo Ferro Couselo, logo, en 1951 e 1952, en Posío. Arte y Letras, revista que editaba a asociación cultural ourensá do mesmo nome e na que Vilanova foi vocal da Xunta directiva e xefe da Sección de Ciencias históricas, e finalmente, en 1952 e 1953, na noiesa Tapal.
Ademais, protagoniza algunha outra actividade cultural, como as dúas que reseña a revista Posío en 1952: unha conferencia sobre Ramón y Cajal e a presentación na Sala do Liceo Recreo Ourensán da actuación da cantante gallega afincada en Buenos Aires, Maruja Villanueva.
En 1950 inicia a relación co mundo galego da Arxentina ao concederlle a Federación de Sociedades Orensanas o primeiro premio dun concurso, a un traballo seu sobre a obra patriótica e social de Valentín Lamas Carvajal. Un ano despois gaña o concurso organizado polo Centro Gallego de Buenos Aires co gallo do centenario do nacemento de Curros Enríquez, cun estudo sobre a vida e a obra do poeta –tamén premiado en España e La Habana- que despois será publicado co título de Vida y obra de Manuel Curros Enríquez. Será tamén a partir de 1951 cando inicie as súas colaboracións na prensa galega de Buenos Aires: dous artigos en Lar, revista do Hospital Gallego, outros dous en Galicia, revisa do Centro Gallego, e un sobre Castelao político, en Opinión Gallega.
A colaboración nas publicacións galegas da Arxentina vai ser moi importante para un home como Vilanova que, agás os pequenos artigos e traballos de corte erudito que publicou nas revistas eruditas e locais xa citadas, sempre se negou a escribir nos xornais do franquismo a causa da falta de liberdade de prensa. Nos artigos que manda a Buenos Aires futiga o folclorismo, critica aos homes da cultura que practican o colaboracionismo co réxime ou que poñen a súa erudición e o seu talento ao servizo da vanidade e os intereses persoais, e reivindica unhas elites culturais galegas de virtudes excelsas, que se comprometan a forxar a conciencia cívica de Galicia. "
... se deben consumir mejores emociones que la gastronomía porcino-vegetariana del lacón con grelos, la algarabía de los aturuxos y el báquico escanciar de los vinos del Ribeiro (...). Es memoria la insigne labor de quienes en el ámbito de las letras, de las ciencias y de las artes, ponen en alto el prestigio de nuestra tierra; pero esta misión hay que desarrollarla con elevación, con magnificencia y con decoro. Ningún adulón de tiranos, escritor con librea de lacayo o uniforme de gendarme; ningún científico incivil, ningún artista sin emoción trascendente, tienen derecho a participar en el festín cívico y regenerador de Galicia (...). Un gran ideal es lo que necesitan, lo mismo los hombres que los pueblos, para poner en marcha toda la dinámica de la vida. Vivir a espaldas del gran ideal es gregarismo, parálisis, pauparismo, plataformas propicias para asentar siempre la esclavitud y entre todas las esclavitudes, la más nefanda es la de la conciencia, de la que sólo nos es factible liberarnos, dignificándola por la razón y responsabilizándola por el deber".-" En este día de Galicia", Lar.nº 213, Buenos Aires, 1951, p. 13,14-
Cara a finais de 1952, Vilanova baralla a idea de abandonar Galicia. En carta á súa muller, Nieves Fernández, dille: "Yo os prometo que si emigro haré todo lo posible por aliviaros la existencia, sólo deseo trabajar y llevar a los niños. Como tú comprendes ya, nuestros hijos merecen un porvenir mejor y hay que luchar para conseguírselo". Un ano despois a decisión de marchar á Arxentina xa está tomada, como se desprende da carta que lle envía a Cándido A. Gónzalez, secretario da Comisión Intersocietaria galega de Bos Aires. Nela dille que vai sen pretensión de facerlle sombra a ninguén e que dará todo pola "causa da Liberdade e a de Galiza". Ademais interésase polo labor dos exilados e mostra, de novo, a súa intransixencia cara á maioría do mundo cultural da Galicia franquista.
Nunha entrevista que lle fixo Segundo Alvarado ao seu retorno de América, en 1982, en La Región, Vilanova expón as causas da súa marcha á Arxentina: "Allí hice mucho, lo que no hubiera podido hacer aquí. Allá pude alcanzar una libertad que no pude lograr en España. Encontré unos medios de vida que no me obligaron a hipotecar mi conciencia y no me doblegaron. Aquí, en aquellos años que tú recuerdas, cualquier cosa se tenía que hacer con un aval de afecto al Movimiento".
Na revista Tapal, acompaña un dos seus artigos dunha breve biografía e dun relatorio das obras que pensaba publicar e que nunca viron a luz, seguramente porque as circunstancias vitais que tivo que afrontar, primeiro o franquismo e despois a emigración. Estas eran:
- Antología del amor a Galicia.
- La mentalidad gallega.
- Historia de la cultura gallega.
- Ensayos sociológicos.
- Los delitos contra la Patria.
- Humanismo y Patriotismo.
- El imperativo económico en la Naturaleza y en la Historia.
- Sentido ético de la justicia.
- Diccionario biográfico de gallegos ilustres.
ALBERTO VILANOVA RODRÍGUEZ, por Gran Enciclopedia Galega
Finalizada a guerra civil, sobrevive como profesor en colexios privados en Chantada e na súa cidade natal, onde tamén colabora na revista de arte e letras Posío, na que publica unha sección fixa de biografías co título de Orensanos ilustres. Tamén publican na prensa (e revistas) da época artigos e ensaios, históricos e literarios: Vida y obra de Juan Antonio Saco y Arce; Fray Tomás de Lemos en el proceso teológico de Galileo; Ensayo biobibliográfico de Teodosio Vesteiro Torres…
En 1951, co motivo de cumprirse o primeiro aniversario do centenario do nacemento de Curros Enríquez, o Centro Galego de Bos Aires organiza un concurso, no que é premiado un traballo de Vilanova sobre a vida e a obra do poeta, máis tarde publicado baixo o título de Vida y Obra de Manuel Curros Enríquez (Bos Aires, 1953) e premiado en España e na Habana. Consecuencia destas actividades e ao parecer invitado polo Centro Orensano para dar algunha conferencia trasládase a Bos Aires en 1954, de onde non regresará ata 1982, a excepción de algunhas viaxes esporádicas que realiza a Galicia.
Na capital arxentina comeza a traballar en editoras, pero ao pouco tempo consegue praza de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa na Universidade Nacional de La Plata e publica en separata do volume dedicado ao sabio beneditino español por esta Universidade: La galleguidad del Padre Feijoo. Durante o trienio1956-59 desempeña a cátedra de Cultura Gallega no Centro Lucense de Bos Aires. Contratado pola Universidade Nacional do Nordeste, rexentou na Facultade de Humanidades as cátedras de Historia medieval e Moderna, e dirixiu o Instituto de Investigacións Históricas. De aquí pasa á Universidade Nacional do Sur, Bahía Blanca, na que desempeña a cátedra de Historia Medieval e Historia de España.
A súa actividade intelectual en Arxentina iniciouna na Asociación de Escritores, Artistas e Universitarios, xunto a Antonio Baltar, Núñez Búa, Blanco Amor, Luís Seoane, Suárez Picallo, Emilio Pita, Laxeiro, Gómez Paratcha, Xavier Bóveda, etc., cunha labor que se deu a coñecer a través da audición Galicia Emigrante, e na que Vilanova era o encargado das clases de Historia. Tamén foi presidente da Comisión de Cultura do Consello de Galicia. Ademais na súa práctica docente, non esquece Vilanova as súas tarefas de investigación, e en 1966, editada polo Centro Galego de Bos Aires, publica a súa obra máis importante:
Los gallegos en la Argentina, en dous grosos volumes e con prólogo de Claudio Sánchez Albornoz, quen entre outras cousas di: “Magnífica e erudítica empresa, Vilanova grande orador, mente clara, pluma fácil, estudoso fecundo empregou longas e concentradas horas en trazar as biografías de centos de galegos vidos á República Arxentina”. En 1967 rendéuselle unha homenaxe en Bos Aires, ao que asistiron, entre outros, Jiménez de Asúa, Sánchez Albornoz, Rodolfo Mondolfo e representantes do Goberno Vasco e da Generalitat no exilio.
Ao seu regreso a Ourense (1982) intenta seguir traballando en dous libros para engadir aos dous tomos de Los gallegos en la Argentina, pero a súa enfermidade impídello. Tampouco pode cumprir o encargo que Isaac Díaz Pardo lle estimulara a realizar: Estampas da guerra civil, para publicar na sección de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia” de Ediciós do Castro. Soamente acepta unha homenaxe dos seus antigos alumnos da Academia Bóveda e asiste ao mesmo coa condición de que se celebre (fervente e consecuente republicano) o día 14 de abril, aniversario da II República. Poucos días antes de morrer, a Deputación Provincial de Ourense adquiriu a súa numerosa e importantísima biblioteca.