Publicacións
Blog
COLOQUIO EN COL DE PROBLEMAS CULTURAES GALEGOS
Antr-os aitos celebrados no Centro Galego pra conmemorar o tradicional Día de Galicia, e iste ano tamén o cincoentenario da Entidade, houbo un que ao noso xuízo acadou especial siñificado: foi o "Coloquio en col da Cultura Galega" que se fixo no mesmo local do Centro o día 20 de agosto.
Tomaron parte nesta conversa, o Dr. Valentín Paz Andrade que viñera de Galicia como invitado de honor do Centro Galego, o Dr. Osorio Tafal, quen se atopaba en Buenos Aires co gallo da Conferencia Económica Interamericana a que se incorporou cordialmente as nosas xornadas de galeguidade, e os escritores e universitarios galegos Rafael Dieste, Alberto Vilanova, Xosé Núñez Búa, Ramón de Valenzuela e Antonio Baltar, avecindados todos estes de longo en Buenos Aires. Por unha imprevista dificultade persoal non chegou a estar presente Eduardo Blanco Amor, que había de formar parte tamén do equipo.
En nome do Centro Galego foi aberto o acto, e apresentados os que ían participar nil, pol-o Segredario da Comisión de Cultura, señor Abelardo Estévez.
A ningún fillo de Galicia poderáselle negar nunca o íntimo constante e fondo sentimento da súa terra e dos problemas que a ela se refiren. Mais o certo é que os galegos, tantos os de Galicia como os da emigración, pol-as respeitivas e diversas circunstancias históricas do pasado e do presente, non tiveron moitas oportunidades, nin adequiriron o hábito, de xuntarse a examiñar antre iles, a lus dos seus propios ollos, da súa propia experiencia, a realidade viva do país que lles deu nacimento, ou a considerar os vieiros por onde guiar o futuro d-isa realidade.
I-o certo é tamén que si anceiamos un porvir mellor pra Galicia, ise porvir haberá de ser conquerido e modelado por nosoutros mesmos. Que si nós non nos dispoñemos a labrar o propio eido, os froitos que d-il saian serán sempre froitos alleos, ao par que coa nosa inaición perderemos o direito de laiarnos, de chorar queixumes ou de recramar suposta xustiza por non ser donos da nosa terra.
Emporiso é que coidamos merece destacarse iste Coloquio. Non soio pol-o que tivo en si mesmo de escrarecedor nos temas que abarcou, se non pol-a súa exempraridade como antecedente que abre un positivo, firme e craro camiño de posibilidades pra o mellor coñocimento da nosa terra, pra sementar básicos acordos de traballo cara ao futuro. O aberto diálogo de boa fe, o democrático contraste de opinións, son ao fin e ao cabo as eternas fontes de onde pode xurdir a formazón dunha concencia cidadá desperta e aitiva.
Tal é o que se pode deducir dos propósitos do Coloquio según foron eispresados nas verbas limiares que pronunciou o Dr. Antonio Baltar, das que reproducimos seguidamente algúns siñificativos parlamentos pra mellor ilustrar o que dicimos:
"Decir cultura d-un pobo é tanto como decir persoalidade d-ise pobo, i-en certo senso equivale a decir tamén destiño do mesmo pobo".
"¿Quen de nós se parou algunha vegada a pensar en cal era o seu propio xeito de ser, en cal poidera ser o seu destiño?"
"Nada ten pois d-estrano que hoxe nos xuntemos eiquí uns poucos homes galegos a matinar e a falar sobor do que noso pobo é, sobor de que o noso destiño nos dou denantes ou nos ten preparado no porvir, sobor do que coas nosas vontades xunguidas poderiamos influír, pra ben, no destiño d-ise pobo noso que é o noso destiño común, que é o destiño dos nosos fillos".
"Quixera deixar ben craro que aínda que sexamos somentes uns poucos os que encetamos a conversa, facémolo co fondo e sinceiro anceio de que n-ila vaian pouco a pouco a participar todol-os galegos, tanto os que estamos eiquí na América coma os que permañecen alá achegados á terra".
"O tema é longo, e por moito que se fale d-il non se dará rematado tan axiña. Ademais, aínda que é preciso falar das cousas pra se entender, non debe esquecerse que si as verbas non van seguidas da aición o falar é tanto como andar a facer sulcos no mar". "Eiquí temos como exempro ista casa onde estamos, que non se fixo soio con verbas senón con vontade e solidaridade".
"Dispoñámonos, pois, todos, non a escoitar solucións ou a acadar de seguida solucións determiñantes senón somentes a establecer un comezo de acordo común, no que poida tomar pulo a vontade de traballar cada un de nós, en adiante, poñendo no traballo o mellor do seu esforzo".
O temario estivo dividido en dúas partes. A primeira dedicouse a considerar os alcances do termo "cultura" e a falar dos fundamentos históricos, xeográficos e vitaes que defiñen a cultura galega. Na segunda parte desenrolouse o programa siguinte:
"A cultura galega aitual e as súas necesidades:
- Necesidade de coñecer e de espallar os valores históricos de Galicia.
- Necesidade de apoiar aos valores aituales que dentro ou fóra de Galicia representen unha eisaltación pra ista.
- Necesidade de estuar, aitualizar e cultivar o idioma galego.
- A cultura e a economía.
- Necesidade de organizar centros de investigación, de educación e de difusión, cos seus órganos axeitados, pra poder realizar unha labor orgánica e permañente".
"As vías de aición cultural e senso formativo:
- A escola primaria (urbana e rural), e o ensiño secundario.
- Outras escolas ou centros técnico-educativos.
- A universidade e a extensión universitaria".
A xeito de conclusións xurdiron varias suxerencias encamiñadas a dar forma concreta ao falado, e hoxe podemos decir que algunhas d-isas suxerencias están sendo xa estudadas ou en vías de realidade.
Aínda que pol-a mesma natureza do Coloquio non é posíbel dar unha reseña miúda e todal-as intervencións, cabe destacar as ideias expostas por Paz Andrade, Dieste e Tafal en col da cultura galega; os puntos de vista de Paz Andrade tamén e de Dieste respeito ao idioma; as apertadas e persoaes síntesis histórica e xeográfica feitas por Vilanova e por Valenzuela respeitivamente, eisí como os fundamentos de aición pedagóxica liñeados por Núñez Búa.
O tempo limitado e a ampritude dos temas a tratar non deron vagar pra se estender na discusión de cada punto, i-é seguro que tanto os participantes direitos como o público esceicionalmente numeroso que testimoñou o interés espertado pol-o aito, tiveron que gardar pra si ouxecións, aditamentos ou propostas que o mesmo desenrolo do temario suxería ou aitualizaba.
Da nosa parte, ao aledarnos co eisito que pra o Centro Galego, pra os aitores e pra a causa de Galicia siñificou ista Asambrea, facemos votos a prol da continuación da mesma con caraiter sistemático en adiantes, de xeito que todol-os aspeitos e probremas de Galicia poidan chegar a ser analizados i-escrarecidos por tamén todol-os galegos.
COLOQUIO EN COL DE PROBLEMAS CULTURAES GALEGOS, en "Galicia Emigrante", nº 34, outubro-novembro de 1957.
Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova