Publicacións
Blog
PARA O CENTENARIO DE ALBERTO VILANOVA, por ALONSO MONTERO
Este ano, co gallo de certos centenarios, termos que achegarnos á vida e obra intelectual de nomes moi importantes: o de Luís Seoane. A magnitude e a transcendecia de personalidades como a de Seoane non deben impedir –tampouco ás institucións- o interese pola obra de homes de Letras tan valiosos como Alberto Vilanova Rodríguez, nado en Ourense o 5 de xullo de 1910. Morreu na súa cidade natal en 1985, despois de vivir na Arxentina, desde 1954, tres décadas, anos nos que que foi moi amigo, precisamente, de Luís Seoane. Homes bastante distintos, estaban vencellados fortemente polo seu republicanismo e a súa fonda fidelidade aos "irmáns do 36", dito sexa cunha expresión acuñada por Seoane.
Alberto Vilanova, xa coñecido como historiador en 1936, sufriu prisión nos anos da Guerra Civil e viviu, na Galicia da posguerra, cunha chea de dificultades como profesor non oficial de modestas academias de bacharelato.
Algúns amigos meus aínda hoxe lembran como viaxaba, cunha vella gabardina e na baca dun autobús de liña, de Ourense a Chantada, á mañá cedo, para explicar Historia, Literatura, Latín... por catro cadelas. Farto deste "labourar arreo" e do clima político opresivo, emigra, o que o converte, en certo modo, nun representante ilustre do segundo exilio galego.
Vai a Bos Aires, onde o seu nome tiña un certo predicamento desde que, en 1951, gañara un premio no Centro Galego, coa súa biografía de Curros Enríquez. Era o ano do centenario do gran poeta rebelde e do gran republicano, dúas características que conmovían a Vilanova e que moveron a súa pluma de eruditísimo biógrafo. Seis décadas despois os estudosos de Curros aínda temos a súa biografía como un libro de consulta.
Eu coñecín a Alberto Vilanova, no verán de 1969, en Bos Aires, na casa de Luís Seoane; días despois presentoume, como conferenciante, no Centro Ourensán, e á saída do acto fomos á Federación de Sociedades Gallegas onde nos fixemos unha fotografía termando do busto de Curros Enríquez, que presidía un dos salóns da benemérita e antifranquista institución. A República e o autor do Divino Sainete uníronnos para sempre.
Na Arxentina, xa catedrático de Historia na Universidade de Bahía Blanca, construíu ese monumento de erudición que se titula Los gallegos en la Argentina, dous grosos volumes que prologa don Claudio Sánchez Albornoz, daquela, moi simbolicamente, presidente da República española no exilio.
ALONSO MONTERO, A. : "Para o centenario de Alberto Vilanova", La Voz de Galicia, A Coruña

Alberto Vilanova - Ensaísta e Historiador | Aviso Legal | © 2011 albertovilanova.com
Deseño: Jose Lameiras Vilanova